Thursday 02 de May de 2024

O alcalde convértese en Jesucristo na festa do Entroido


O alcalde, Ángel García Seoane, sorprendeu esta tarde ás máis de 850 persoas asistentes á Festa de Entroido aparecendo disfrazado de Jesucristo. Cunha cruz a costas parodiou a actual situación política á que o pretenden conducir polas ruínas de Casa Carnicero.

Tras percorrer a pista de baile e resucitar con máis forza que nunca, o alcalde dirixiuse a todo o público desde o escenario. “A cruz que me queren poñer para acabar comigo… porque a ninguén se lle escapa que queren acabar comigo e coa Alternativa dos Veciños. Pero nunca puideron conseguilo, nin tampouco van poder facelo agora”, dixo o alcalde Ángel García Seoane. “Estou en plenitude de saúde, en plenitude de moral e en plenitude de guerra para os que nos queiran atacar”.

Tamén agradeceu a súa participación a todas as persoas disfrazas e asistentes, así como ás persoas das entidades veciñais que fixeron posible a festa co seu traballo desinteresado. “Sen disfraces non hai entroido”, dixo.